Monday 06 de May de 2024

O BNG organizou un encontro sobre ordenación do territorio, no que se debateron propostas para os próximos anos para este sector


Iván Roca destacou que « o modelo urbanístico vixente afecta de xeito directo e negativamente  á mobilidade, ao medio ambiente, ao comercio de proximidade e á unha vivenda asequíbel para todas».

O BNG organizou un encontro no Pazo de Xaz  en Dorneda no que se falou dos desafíos e problemas presentes e futuros deste sector, sendo debatidas diversas propostas para reverter a situación.

No encontro participou o portavoz municipal e candidato da formación nacionalista en Oleiros, Iván Roca, xunto con outros membros da agrupación local e da candidatura, co obxectivo de coñecer as demandas da cidadanía nunha materia que afecta tan directamente á vida das persoas, ademais de dar a coñecer as propostas do BNG.

Nos últimos meses, o Bloque Nacionalista Galego en Oleiros puxo de relevo a preocupante situación que afecta ao Concello en materia de ordenación do territorio, que aboca a un modelo extensivo de urbanismo que provoca que no Concello se ostenten récords de prezo do metro cadrado, de desprazamentos diarios de vehículos particulares, de densidade de poboación, de vehículos por habitante, de escasa poboación que traballa e consume no Concello, de baixada da vivenda protexida e progresiva do 33,42% ao 6,4% actual e de gran dificultade de acceso á vivenda para rendas baixas e medias.

O PXOM e a súa aplicación práctica mediante a planificación de desenvolvemento obedecen a uns obxectivos concretos e un modelo a desenvolver, pura política. Esta planificación ficou obsoleta en termos de sustentabilidade e mobilidade; de aí veñen os preocupantes datos que arroxa o Plan Urbano de Mobilidade Sostíbel (PMUS) aprobado en setembro pasado.

Roca explicou aos asistentes as súas principais liñas de traballo e os seus obxectivos para o próximo período. O representante do BNG no Concello explicou a «clarísima e preocupante relación existente en Oleiros entre a ordenación do territorio, a mobilidade e o medio ambiente. Estamos nun momento clave de mudanzas obrigadas pola emerxencia climática, non podemos agardar máis para establecermos unha ordenación do territorio pensada para as persoas e baseada na sustentabilidade ».

Para o BNG, a ordenación do territorio é a prioridade, o que implica conseguintemente que a mobilidade, o medio ambiente, o comercio de proximidade e a vivenda asequíbel para todas tamén sexan as nosas prioridades.